Monday 06 de May de 2024

Ovidio Rodeiro preside en Ordes a charla sobre axudas e subvencións a empresas e autónomos


No encontro tamén participaron o alcalde e o concelleiro de Comercio de Ordes, así como a responsable do IGAPE para a zona da Coruña e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro Tato, presidiu onte o encontro mantido cun nutrido grupo de empresarios e autónomos da comarca, no que se lles informou dos distintos plans e liñas de axudas. Nesta cita, que tivo lugar nos baixos da alameda ordense, tamén participaron José Luis Martínez Sanjurjo e Xosé Manuel Rodríguez, alcalde e concelleiro de comercio do Concello de Ordes; Isidoro Martínez, xefe territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria e Belén Fernández, responsable do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para a zona da Coruña.
Nesta cita fíxose unha ampla análise do programa de apoio ás PEMES galegas, debuxando un mapa específico de todas as achegas levadas a cabo polo IGAPE en base ao emprendemento, creación e consolidación de emprego, desenvolvemento e mellora, internacionalización e colaboracións con organismos públicos. Trátase de financiamento, subvencións e achegas que nalgúns casos son a fondo perdido. Un investimento que ten entre outras finalidades a creación de emprego, adquisición de equipos produtivos, incentivos económicos rexionais e de inserción laboral, axudas para a contratación de persoas asalariadas, ou o fomento do cooperativismo.

Aforro enerxético
Na tarde de onte tamén houbo tempo para referirse ás axudas do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) para aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética, e con proxectos de enerxía renovable tanto para particulares como para administracións locais, entidades, empresarios, autónomos etc.

A dita iniciativa foi desenvolvida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e a marca Galicia, contando coa colaboración do Concello de Ordes.